sexta-feira, maio 16, 2008

Memoria, novelas e filmes

SUSO DE TORO Luces
Memoria, novelas e filmes
A MEMORIA ESVÁESE. ("Como é que se chamaba este fulano...?") E a cada vez un tropeza con máis xente que tamén esquece os nomes, os rostros, os momentos...("Éche o estrés"/ "Sonche os anos") De primeiras parece que é porque nos facemos maiores, mais...E se fose un virus que anda por aí a correr? (Ehhh...De que estabamos a falar?)
O PASO DO TEMPO É XENOCIDA: Leo que en dez anos xa terán morrido todos os supervivintes aos campos de exterminio nazis. O que deron feito eles faino o paso do tempo.
O SEAMUS HEANEY DI DO OCTAVIO PAZ que está sobrevalorado. Concordo en parte, Paz é un intelixente ensaísta e un agudo homme de lettres, ese espello francés no que tanto se teñen ollado escritores e intelectuales iberoamericanos, mais poeta, poeta...A poesía non é tanto cousa de andar de aeroportos, é máis ben cousa de sachar.
'A GRANDE NOVELA AMERICANA!' Os críticos norteamericanos non cansan, seguen aí a agardar polo grande romance americano. Desaparecen os lectores de literatura nun doce suicidio masivo, un leve xenocidio nas nosas sociedades, desaparecerán os libros cultos... Reinarán bestsellers, pantallas e videoxogos e eles seguirán atentos a ver se aparece a tal novela. Os públicos viven no mundo globalizado, os historiadores das literaturas no tempo das literaturas nacionais. Hai xente para todo e ten que haber de todo. Ou de case todo.
OUTRO FILME NORTEAMERICANO sobre o asasinato dun dos seus presidentes: xa é obsesión. Obsesionados co parricidio. Máis que temor é fascinio. O que hai debaixo do soño americano é un pesadelo, matar ao pai.
SICODRAMA POLÍTICO. A política norteamericana é moi dramática, e escenifican os seus desexos e temores con naturalidade.
HILLARY E OBAMA: Aí están a muller ambiciosa da que desconfían, témena, e aí está o escravo que agora procura a súa vinganza, témeno. Abrazados unha a outro a loitar extenuándose.
Aínda acabarán entregados a McCain, o vello guerreiro, o pai forte que reparte leña se é preciso e tamén protexe a casa e a prole.
'9 CARTAS A BERTA': o filme de Martín Patino, é unha ficción tan real. Unha burbulla que contén dentro encerrado un pedazo de tempo, un tempo miserabel. Aínda haberá quen diga que non entende para que valeu o 68. Para varrer aquel tempo.
FONTE: El País (España) - Madrid,Spain
http://www.elpais.com/

Nenhum comentário:

Postar um comentário